Friday 03 de May de 2024

Á xunta da noite no Camiño Arriba


Terceira sesión do programa cultural itinerante Á xunta da noite promovido polo Concello de San Sadurniño. Este venres tocoulle ao lugar do Camiño Arriba, en Lamas, coas actuacións da AFC Berros do Castro, do pallaso Peter Punk e da escola municipal de Cantos de taberna. Por causa da chuvia foi necesario meter baixo carpa un evento que a principios da semana xa tiña cuberto o aforo máximo de 100 persoas.

A concelleira de Cultura, Amparo Calvo, abriu o encontro recordando os obxectivos do programa que se desenvolverá todos os venres até o 18 de setembro percorrendo todas as parroquias do municipio. Calvo nomeou como principais “o apoio ao tecido asociativo, á xente da Cultura afectada pola crise e tamén ás escolas municipais, que queren mostrar o aprendido nos últimos meses”. A concelleira tamén se referiu ao programa como “unha maneira de axudarlle, aínda que sexa só un pouco, á hostalaría e a outras pequenas empresas de San Sadurniño”, xa que ao final de cada “Á xunta da noite” sortéanse vales para gastar en bares, restaurantes e negocios locais que ofertan todo tipo de servizos.

A próxima cita será o venres que vén ás 20.30h. na polideportiva de Igrexafeita, onde repetirá Peter Punk compartindo programa coa escola municipal de Gaita e o grupo de cantareiros do Padroado da Cultura do Concello de Narón.

Nestes intres van reservadas arredor de 50 localidades -quedarían dispoñibles outras tantas-, que deben solicitarse chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Ten prioridade a veciñanza da parroquia e do resto de San Sadurniño. Desde o Concello pídese que no caso de non poder asistir tras facer a reserva se contacte coa área de Cultura para comunicalo e poder asignarlle as localidades a quen estea na lista de agarda. Tamén se recorda a obriga de usar máscara en todo momento de 6 anos en diante, incluso aquelas familias convivintes, posto que van coincidir no recinto con outras persoas.